'Continuidad de los parques' remata a súa xira divertindo o público pontevedrés
Por Diego Torrado & Anxo Lourido
A coincidencia horaria coa final da Champions restou público na última representación da xira do espectáculo teatral 'Continuidad de los parques' que durante a noite deste sábado 6 se representou no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Coa ausencia de Roberto Álvarez, substituído por Xabier Murua, os actores Fele Martínez, Gorka Otxoa e o galego Luis Zahera, acompañados pola Marta Solaz, que coa súa voz servía de transición entre escenas, deron vida a máis de vinte personaxes excéntricos, divertidos e sorprendentes que coincidían ao redor dun banco situado nun parque da cidade. A montaxe, dirixida polo televisivo actor Sergio Peris Mancheta progresa con historias que rematan internando ao público nunha sorte de situacións ao bordo do surrealismo, sempre baixo premisas humorísticas.
O público despediu cun sonoro aplauso os actores, que nos saúdos reivindicaron a necesidade do apoio institucional ao teatro dando paso a unha sorpresa final, unha última escena coprotagonizada por Michelle Jenner que volveu arrancar os sorrisos dos asistentes.
O ciclo Summum Teatro chegará á súa fin o 19 de novembro coa obra 'En el estanque dorado', interpretada por Héctor Alterio e Lola Herrera, unha versión optimista sobre a vellez. Trátase dun clásico contemporáneo escrito por Ernest Thompson e levado á gran pantalla coas interpretacións de Henry Fonda, Katharine Hepburn e Jane Fonda.
Relacionadas:
-
Josema Yuste, Felisuco e Alfredo Cernuda traen o seu "Taxi" a Pontevedra
Por Redacción |
-
Fele Martínez: "Asegúrovos que, en teatro, non víchedes xamais algo como Continuidad de los parques"
Por Alejandro Espiño |
-
"En el estanque dorado" reprogramado por mor dun accidente doméstico sufrido polo actor Héctor Alterio
Por Redacción |