A pontevedresa Nerea Lores Acuña gaña o certame Novos Valores
Por Redacción
O xurado dos Premios Novos Valores 2015, que convoca a Deputación de Pontevedra, seleccionou 38 obras para a exposición que se realizará a finais de xullo e concedeu o primeiro premio (4.000 euros) do certame a Nerea Lores Acuña, de Marcón por unha obra de escultura titulada "Serie s/t, partitura".
Os artistas seleccionados para expoñer os seus traballos durante un mes no Museo de Pontevedra foron 4 na modalidade de Debuxo, 10 na de Escultura, 8 no apartado de Fotografía, 3 no de Gravado, 9 no de Pintura, 3 no de Video e 1 no capítulo de Varios.
Ademais de Nerea Lores, foron premiados Borja Santomé, de Pontevedra, co 2º premio (3.000 euros) por unha obra de video animación titulada "Historia Cerebro"; Cristina Durán (de Pontevedra) e Iatir Fernández Pidal (de Gondomar), co 3º premio (2.000 euros cada un) por obras de fotografía; e María Jose Prada (de Pontevedra), Pablo Rodríguez Barreiro (de Meaño) e Aarón Sanromán (de Vigo) co 4º premio (1.000 euros cada un) por obras de gravado, escultura e pintura, respectivamente.
O xurado dos Premios Novos Valores 2015 estivo formado por Ana Isabel Vázquez (deputada presidenta de Cultura); e vogais Juan Fernando de Laiglesia González de Peredo, escultor e catedrático de escultura da Universidade de Vigo; Francisco Porto Varela, director da revista de arte contemporáneo Latamuda; Paula Cabaleiro Comesaña, xestora cultural; Silvia García González, decana da Facultade de Belas Artes de Pontevedra; Carmen Mª Hermo Sánchez, artista; Fátima Cobo Rodríguez, coordinadora de exposicións, en representación do Servizo de Cultura e o secretario Antonio Santos Guerra, xefe do Servizo de Cultura.