Seis días do mellor Jazz e blues internacional nas rúas
Por Redacción
A partir deste martes 14 e ata o domingo 19, Pontevedra volverá soar a jazz e a blues de quilates a través de seis concertos gratuítos que se poderán ver na Praza do Teucro e na Ferrería en horario de 22.30 horas con motivo da 23 edición do Festival Internacional de Jazz e Blues.
Os dous primeiros concertos serán na Praza do Teucro coa actuación este martes de Felipe Villar Quartet. O guitarrista vigués á fronte da súa banda é un dos músicos habituais da escena do jazz galego. En xaneiro de 2014 gravou o seu primeiro disco como líder: 'Home', que lle supuxo a participación do circuíto Girando por Salas e a gravación do seu novo disco: "Outro".
O mércores 15 na mesma praza, Nani García Trío ofrece un concerto con temas de bandas sonoras e outras composicións do pianista reformuladas en clave de jazz, ademais de traballos novos dun dos músicos máis importantes da vangarda musical en España.
A partir do xoves 16, os concertos desprazaranse á praza da Ferrería coa actuación de Janiva Magness, cantante de blues e soul. Esta intérprete conta cunha voz enigmática e poderosa e foi compada con Bessie Smith. Esta artista repite en Pontevedra despois dunha actuación inesquecible en 2008.
Terri Lyne Carrington subirá ao escenario o venres 17. Esta percusionista conta cunha importante carreira discográfica e o seu último traballo, 'Money Jungle: Provocative in Blue' recibiu un Grammy, o segundo que se entrega a unha muller na categoría de mellor disco de jazz instrumental.
Outra muller de gran prestixio no panorama musical, Ruthie Foster, será a protagonista do concerto do sábado 18. Esta compositora e cantante de Texas conta cunha voz expresiva e natural. O seu último traballo titúlase 'Promise of a Brand Nes Day' e foi lanzado ao mercado en 2014, sendo candidato aos Grammy.
O Festival pecharase con Virxilio da Silva Quinteto no escenario da Ferrería o domingo 19. Este guitarrista comezou a súa formación no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra e neste concerto presentará os seus últimos traballos, froito da experimentación, con influencias do rock máis psicodélico e ácido de finais dos setenta ata o jazz.
Ao mesmo tempo desenvólvense Jam Sessions na Gramola. Haberá Jazz pola Rúa e Pontejazz Workshop no antigo Conservatorio.
Actuación de Nani García Trío interpretando Serendipia (fonte: Youtube):
Relacionadas:
-
Remate galego e subversivo para o Festival Internacional de Jazz e Blues
Por Redacción |
-
O jazz de Grammy de Terri Lyne Carrington dá paso á expresiva voz de Ruthie Foster
Por Redacción |
-
Da cálida voz de Janiva Magness á trepidante batería de Terri Lyne Carrington
Por Diego Torrado |
-
O Festival Internacional de Jazz e Blues chega á Ferrería coa voz de Janiva Magness
Por Redacción |
-
O jazz e o blues xa reinan na noite pontevedresa
Por Diego Torrado |
-
Jazz de luxo en Pontevedra: chega o XXIII Festival Internacional de Jazz e Blues, do 14 ao 19 de xullo
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
900.000 euros, orzamento das múltiples actividades das Festas do Verán que se inician o 10 de xullo
Por Redacción |