O Museo de Pontevedra e o Museo Massó súmanse ao ciclo musical 'Espazos Sonoros'
Por Redacción
O ciclo ‘Espazos Sonoros’, que se desenvolverá nos meses de setembro e outubro, incorpora na súa oitava edición unha ampla programación de concertos en eidos de grande relevancia patrimonial das catro provincias galegas. Entre eles, algúns dos principais museos galegos como o Museo Massó (Bueu) ou o Museo de Pontevedra.
Na súa presentación, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou que un dos principais obxectivos deste ciclo, a maiores do propio gozo musical, é promover "que a xente coñeza máis e mellor estes monumentos senlleiros da nosa cultura".
No Museo de Pontevedra presentarase por primeira vez o traballo de recuperación dunhas gravacións do gaiteiro de Campañó, auspiciadas no seu tempo por Filgueira Valverde. "Un traballo que presentaremos coincidindo co aniversario do nacemento de Filgueira, o 28 de outubro", dixo o conselleiro. Correrá a cargo de Óscar Ibáñez que xa na presentación do ciclo interpretou a Marcha procesional do Corpus de Pontevedra, coa gaita orixinal de Xan Tilve.
Pola súa banda, no Museo Massó de Bueu actuará o Dúo Fdez & Quintá o 24 de outubro, a partir das sete da tarde. Trátase duns artistas que reinterpretan músicas tradicionais, nomeadamente do cancioneiro instrumental galego, a través dun repertorio de muiñeiras, xotas, valses, mazurcas, polcas e foxtrots, e cancións tradicionais mariñeiras. O concerto irá acompañado dunha xornada arredor da pegada de Lugrís e os Massó na vila de Bueu.
Organizado pola Consellería de Cultura e Educación, Espazos Sonoros desenvolverase do 13 de setembro ata o 28 de outubro, con concertos de balde e entrada libre ata completar aforo que poden consultarse no enderezo electrónico www.espazossonoros.org.