Miles de persoas moven o esqueleto polas rúas de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Os espectáculos de rúa do festival Itineranta atraeron este xoves a miles de persoas.
A proposta para despedir a edición deste ano resultou moi rechamante.
A golpe de batukada, con guitarras heavys ou a ritmo dance os pontevedreses moveron o esqueleto. En concreto un de máis de cinco metros que percorreu a rúa Michelena ata a Peregrina. Non era a ruta prevista, pero a organización tivo que facer cambios xa que o xigantesco personaxe non cabía por debaixo dalgúns arcos de luz das festas. Eran Efimer co seu "A danza da morte".
Por este mesmo itinerario pasou unha roda, tamén xigante, de Kanbahiota coa súa proposta "Nómades". Exercicios circenses que asombraron aos máis pequenos.
Mentres tanto resoaban os tambores de Olodum do Coio, pola praza do Teucro, Cinco Rúas, Méndez Núñez e rematar en Curros Enríquez.
O fin de festa púxoo Kull De Sac co seu Ragnarok que incendiaron a noite coa súa posta en escena chea de lume e pólvora.