A brincar no Teucro con Víctor Aneiros, Narf, Caxade e Bagullas do Lérez
Por Alejandro Espiño
As Festas de Verán de Pontevedra entrar na súa recta final. Antes de que chegue a Feira Franca quédanos aínda unha cita máis, a que nos invita a pasarnos pola Praza do Teucro esta fin de semana. Un ano máis, este emblemático espazo do centro histórico, tan vinculado á tradición cultural da cidade, acollerá o festival Brinca na Praza. Dous días de música en galego con Víctor Aneiros, Narf, Caxade e Bagullas do Lérez.
Brinca na Praza, recordou a concelleira de Festas, Carme da Silva, naceu co ánimo de que bandas galegas, acostumadas a tocar en pequenas salas, puidesen mostrar a súa música en escenarios máis grandes "ocupando o lugar que lles corresponde". Pouco a pouco, dixo, traballan para que siga os pasos do Festival Internacional de Jazz, un referente cultural que tamén tivo as súas orixes na Praza do Teucro.
Os concertos comezarán este venres 28 de agosto, a partir das dez da noite, con Víctor Aneiros. Pioneiro do blues galego con banda, é un dos músicos galegos máis galardoados e actuou en numerosos festivais con discos que poñen música a poemas de Rosalía de Castro, Luis Pimentel ou Curros Enríquez. O seu último disco, A soidade pide copas nos bares, será o que soará neste festival.
Xunto a eles estarán Narf, que actuarán ás once da noite completando unha noite de marcado carácter poético. Segundo Marcos Rivas, coordinador do festival, a banda chega a Pontevedra en formato trío -guitarra, batería e baixo-. É un dos músicos galegos, dixo, "que máis nos representa no rock e no blues" con temas que adaptan pezas de Rosalía de Castro. Presentará o seu último espectáculo, Cancións da língua viaxeira.
A xornada do sábado abriraa Caxade e o seu novo traballo, Discos da máquina. Trátase dunha das bandas de maior proxección de Galicia, grazas a unha proposta musical no que mesturan a tradición galega con sons de orixe balcánica. Pontevedra aínda recorda, segundo Marcos Rivas, o seu excepcional concerto no Galegote Rock e sinalou que é unha "honra" telo na programación deste festival.
Os últimos en subirse ao escenario do Teucro serán os pontevedreses Bagullas do Lérez, unha banda "surfeira" composta por músicos procedentes de grupos como The Grave Dolls, Tractor Troy ou Gold & Colt. Será un concerto "moi divertido", prometen os organizadores desta cita cultural coa que, a falta do Surfing The Lérez, se pecha o verán musical na cidade de Pontevedra.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- O Mercado de Abastos e o Parador acollerán concertos do Galegote Rock 2016
Por Mónica Patxot |
-
Caxade fai 'brincar' aos pontevedreses no Teucro
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Pontevedra soa a rock e a galego
Por Redacción |
-
O rock e bravú galego fixo 'brincar' á Praza do Teucro
Por Redacción |