O proxecto lúdico Faiponting redúcese este ano a un espectáculo de danza e a un concerto
Por Redacción
A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, avanzou que este ano o Faipontig abrevia a súa programación debido á proximidade co Festival Surfing the Lérez. Coa intención de que non coincidan múltiples actividades na contorna da Illa das Esculturas durante dúas fins de semana o programa quedará reducido a dous actos que terán lugar o sábado 3 e o domingo 4 de outubro.
O sábado 3, ás 21.00 horas, o Pazo da Cultura acollerá o recén estreado espectáculo de danza 'Atlántica' coproducido polo Centro Coreográfico Galeo e a compañía coruñesa Ballet Norte. Trátase dun traballo coreografiado por Juan Miguel Hernández que xa colaborou noutras edicións do Faiponting. 'Atlántica' é unha proposta neoclásica inspirada na cultura galega con referenzas a poetas do nivel de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal ou Curros Enríquez a partir dun texto de Manuel Murguía.
As entradas para este espectáculo xa se poden adquirir a través de Ataquilla a un prezo de 5 euros ou de 3 euros para estudantes, desempreados e xubilados.
O domingo 4 de outubro, a proposta cultural será na Illa do Covo, ante a escultura da Casiña, cun concerto do cuarteto Lulavai que contará coa interpretación dalgúns compooñentes do ballet do Centro Coreográfico Galego. A entrada será libre. O grupo musical presentará o seu segundo traballo discográfico titulado 'Lémbrame un soño'.
Anxos Riveiro indicou que o vindeiro ano, Faiponting retomará o formato habitual con numerosas actividades que servirán de anticipo da programación de outubro tanto no Pazo da Cultura como no Teatro Principal.