O dúo de gaita e piano Quodlibet actúa no Ateneo Santa Cecilia de Marín
Por Redacción
O gaiteiro Felipe Rea e a pianista Andrea García, que forman o dúo Quodlibet actuarán nos Venres do Ateneo este venres 9 ás 21.00 horas no Ateneo Santa Cecilia de Marín. O dúo ofrece un repertorio que combina música tradicional e académica, xunto coa composición de creación propia.
Quodlibet formado en 2011 combina o folclore galego coa música clásica. A gaita e o piano forman un binomio a través do que se buscan connotacións históricas e formativas.
Andrea García formou parte do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia e gañou o primeiro concurso do conservatorio de Música en solitario de Ferrol e en 2009 foi sellecionada para actuar como solista coa orquestra do conservatorio de Música da Coruña. Pola súa banda, o 'gaiteiro de Estribela', Felipe Rea, conta cunha longa traxectoria como intérprete e mestre de gaita, compositor e investigador da cultura musical galega. É o profesor de gaita no propio Ateneo Santa Ceclia.
O público poderá acceder aos espectáculos achegando un donativo de tres euros no caso dos socios do Ateneo e catro en caso dos non socios.
EXPOSICIÓN DE GAGO
Por outra banda, a sala de exposicións do Ateneo Santa Cecilia acolle ata o 15 de outubro unha mostra de fotografías en soporte cerámico de José Gago, que se contempla cunha selección de técnicas de pigmentación realizadas por Isabel Domínguez.