A segunda edición de 'Conversas con Arte' analizará o momento complexo dos artistas galegos
Por Redacción
A Casa das Campás será o centro de reflexión durante os días 22 e 23 deste mes de outubro sobre a realidade do sistema artístico galego a través da segunda edición das xornadas de 'Conversas con Arte', un ciclo de mesas redondas que promoven o colectivo Latamuda e a Vicerreitoría do campus.
Durante eses dous días reuniranse en Pontevedra artistas, comisarios, galeristas, críticos e docentes para debater sobre o momento complexo que vive a arte en Galicia . Esta edición leva por título 'Unha cartografía do sistema artístico galego' e os coloquios terán un carácter gratuíto, aberto a un máximo de 60 asistentes que poden realizar xa a súa inscrición. O propósito é promover o diálogo entre os diferentes axentes dun sector que se atopa en constante cambio, segundo a organización, para tentar achegar a arte contemporánea a todos os públicos, segundo informan dende o DUVI.
O xoves 22 ás 10.30 horas dentro da mesa que leva por título 'Artista, produción e exposición' tomarán a palabra o director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Santiago Olmo, o comisario Anxo Cerviño e o artista Jorge Perianes. A partir das 17.00 horas desenvolverase un coloquio sobre a situación do mercado e o coleccionismo coa intervención da directora da Galería Barcelos, Pepa Montesinos, a directora da colección de arte Manuel Jove, Marta Fajardo ou o profesor da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Juan Manuel Monterroso.
O ciclo complétase, durante o venres 23, con outra intervención centrada na crítica e nos medios de comunicación, moderada pola decana de Belas Artes, Silvia García, e a participación do profesor Antón Castro, a directora de Dardo Magazine, Mónica Maneiro e o filósofo Fernando Castro.