Aprendendo a gozar da biblioteca
Por Redacción
O conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, visitaba na mañá deste martes 20 a biblioteca escolar do IES A Xunqueira II de Pontevedra para comprobar os resultados do funcionamento do plan Plambe e Lía, que se encargan de potenciar os fondos destes espazos escolares e de promoción da lectura, a información e a aprendizaxe. Estes programas desenvolvéronse nun 70% dos centros públicos de secundaria de Galicia chegando a máis de 174.000 alumnos.
Román Rodríguez asistiu a unha sesión explicativa e participativa, sentado como un escolar máis, acompañado polo xefe provincial de Educación, César Pérez Ares.
O titular do departamento de ensino da Xunta de Galicia mostrouse orgulloso porque nos últimos anos melloráronse moitísimo as infraestruturas, os materiais e os fondos destas bibliotecas co fomento dos clubs de lectura e de actividades como 'A mochila viaxeira'.
Entre 2008 e 2013 incrementouse a comprensión lectora grazas ao esforzo realizado para potenciar as bibliotecas, segundo o conselleiro. Desta forma indicou que se mellorou o rendemento académico en xeral. Por este motivo, queren lanzar un novo plan Lía co obxectivo de modernizar os equipamentos e incluír máis centros.