Unha noite de rock duro e heavy metal para celebrar o 20 aniversario de Los Motores
Por Alejandro Espiño
Os amantes do rock duro e o heavy metal dos anos 80 e 90 teñen unha cita ineludible este sábado 19 de xaneiro na Sala Karma. A partir das 22:30 horas poderán gozar dun triple concerto co que se conmemora o vixésimo aniversario de Los Motores, o grupo máis emblemático do heavy pontevedrés dos noventa.
Neste concerto, Los Motores, composto por Carlos do Río (guitarra e voz), Gerardo Fernández (guitarra), Gonzalo do Río (baixo) e Tytto Rodd (batería), farán un repaso de todos os seus discos, en especial Noche de Lobos e o seu maior éxito Día perfecto, co que lograron vender 25.000 copias. Será un dos típicos e intensos directos da banda, que abandonou a súa actividade no ano 2003 "por agotamiento", recoñecen.
Con este concerto seguen a Xira XX Aniversario, coa que volven aos escenarios, aínda que xa estiveron facendo algún que outro concerto durante estes últimos anos. E o certo é que esta nova xira espertou un grande interese entre o público. Antes de Pontevedra, xa pasaron por Ferrol, Porto do Son, Portonovo, Vigo, Lugo e Baiona e agora volven á súa cidade de orixe.
Neste concerto, cuxa entrada ten un prezo de 6 euros, estarán acompañados polos grupos Que desilusión e Vórtex, dous dos grupos máis prometedores do panorama musical pontevedrés.