Promover a lectura de Manuel María, obxectivo cultural para o 2016
Por Redacción
O Concello de Pontevedra anunciou este xoves que manterá unha colaboración especial coa Fundación Manuel María durante o vindeiro ano con motivo da celebración do Día das Letras Galegas que se vai dedicar ao poeta lugués.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e os concelleiros de Cultura e de Patrimonio Histórico, Anxos Riveiro e Luís Bará mantiveron unha xuntanza no Concello coa viúva do autor, Saleta Goi e con Alberto Ansede, secretario da Fundación Manuel María, encargada de custodiar e difundir o legado do escritor.
O alcalde cualificou de "familiar" esa entrevista pola boa relación persoal e profesional que mantivera con Manuel María, e tamén coa súa viúva. O Concello comprometeuse a promover a obra do autor lugués tanto no Salón do Libro infantil e xuvenil como noutros eventos, ademais manterá a axuda económica que xa realiza á Fundación.
Alberto Ansede apuntou que un dos obxectivos principais da Fundación para o 2016 é que se lea a obra de Manuel María e por ese motivo reclaman ás institucións que difundan o seu traballo a través das bibliotecas públicas e das bibliotecas dos centros de ensino.
Dende a Fundación tamén queren promover o coñecemento da Casa Museo de Manuel María, situada en Outeiro de Rei, a través de visitas escolares gratuítas. O pasado ano visitaron a Casa Museo máis de 3.000 persoas, das que máis de 2.000 foron escolares, dos cales o 60% foron das provincias da Coruña e Lugo, e o 40% de Pontevedra e Ourense.
Por outra banda, Saleta Goi, viúva do autor, quixo recordar que o primeiro libro de Manuel María, Muiñeiro de Brétemas, 1950 foi editado en Pontevedra, na Imprenta Torres. Na Casa das Campás atópase unha placa que fai referenza a este feito e que, cando se descubriu hai uns anos, contou coa presenza do propio poeta, que tamén asistía as actividades do Salón do Libro e nas celebracións do Ano Bóveda.