Máis de 1.800 escolares reservan praza para as visitas ao Café Moderno Afundación
Por Redacción
Máis de 1.800 escolares xa reservaron praza para participar nas didácticas que a Fundación Galicia Obra Social (Afundación) ofrece na súa sede do Café Moderno de Pontevedra para o último trimestre do ano.
"O Café Moderno e Álvaro Siza" e "O bodegón oculto" son as dúas propostas que a área Educativa de Afundación elaborou para escolares, e que teñen como obxectivo profundar, no caso da primeira, na historia da rehabilitación do edificio do Café Moderno polo recoñecido arquitecto Álvaro Siza, e no caso da segunda, afondar no xénero do bodegón e na súa achega á arte de Galicia a través da exposición que estará na Sede da entidade ata o vindeiro 23 de xaneiro.
Con motivo do XV aniversario do Café Moderno Afundación desde a súa rehabilitación, "O café Moderno e Álvaro Siza" propón unha viaxe a través da historia do edificio, dos seus misterios e dos detalles do seu acondicionamento. Así, a área Educativa de Afundación deseñou tres obradoiros: Arquitecturas emocionais, unha visita obradoiro para escolares de infantil a 3º de primaria; Contruíndo soños con Álvaro Siza, dirixido a nenos de 4º de primaria a 2º de ESO, e Historia dunha rehabilitación, para alumnos de 3º e 4º de ESO, bacharelato e ciclos formativos.
A segunda proposta didáctica xira ao redor da mostra "O bodegón oculto. A natureza morta na arte contemporánea galega", inaugurada o pasado 8 de outubro e que permanecerá na Sede da entidade ata o vindeiro 23 de xaneiro.
Así, "O bodegón oculto" pretende achegar os escolares ao xénero do bodegón e da tradición artística galega mediante tres visitas dinamizadas orientadas aos diferentes niveis educativos: Da natureza ao prato e do prato ao cadro, unha visita obradoiro para educación infantil e primeiro ciclo de educación primaria; Laboratorio de bodegóns, para escolares de 2º e terceiro ciclo de educación primaria e ESO, e A natureza morta na arte contemporánea galega, unha visita comentada para bacharelato e ciclos formativos.
Para facer a súa reserva, os centros educativos pódense dirixir ao teléfono do centro, 986 333 210.
Relacionadas:
-
Abanca xunta en Pontevedra a maior colección de debuxos do artista coruñés Isidoro Brocos
Por Alejandro Espiño |
-
3.000 persoas visitaron "O bodegón oculto. A natureza morta na arte contemporánea galega"
Por Redacción |
-
Máis de 2.700 escolares acudirán á representación de 'Lío en la granja' esta semana
Por Redacción |