Os Alegres van de furanchos co seu Festival de Música Tradicional
Por Redacción
Este sábado 14 a partir das 19.00 horas, o Teatro Principal acolle unha nova edición do Festival de Os Alegres de Música Tradicional no que van intervir algúns grupos con importante traxectoria en Galicia.
Dionisio Aboal de Os Alegres e o presentador do Festival, Julio González, presentaron este venres 13 xunto á concelleira de Cultura esta cita que se ven celebrando dende o ano 1974.
O evento será como unha visita a un furancho onde só terán acceso ao viño os integrantes dos grupos que participan, segundo indicou bromeando Julio González.
Nesta edición, ademais de Os Alegres, intervirán Fol-k de Coiro, Os Trazantes de Tenorio, Nós tamén imos, Ghalos do Curral, Juan Ruibal, Tarambainas, o Trío Folk formado por Gallego, Loureiro e Miguélez. Concluirá o acto o grupo de Ames, Maianas. Tamén haberá recoñecementos para varias persoas que colaboran con este festival: a locutora Meli Fandiño, Celestino Peón, Manuel Alonso e Xosé María Gutiérrez.
A entrada a este evento é libre e van venderse rifas por un euro para participar no sorteo dunhas miniaturas exclusivas dos instrumentos que elabora a agrupación Os Alegres. Durante esta cita musical haberá ademais moito humor mesturado con muiñeiras, alboradas e regueifas.