Luis Davila protagonizará a vinderia sesión do ciclo 'En paralelo'
Por Redacción
Luis Davila, deseñador gráfico e humorista coñecido polas súas viñetas que diariamente se publican en prensa, é o autor escollido para protagonizar a vindeira sesión do ciclo 'En paralelo'. Celebrarase o xoves 26 de novembro, ás 20:00 horas no Auditorio do Sexto Edificio do Museo.
Nesta ocasión, a charla terá formato de coloquio no que o experto no mundo do cómic e no humor gráfico, Octavio Beares, guiará as conversas con Luis Davila e o público.
Luis Davila, natural de Bueu, asina as súas creacións gráficas e de humor como 'O Bichero', nome baixo o cal publica diariamente unha viñeta en prensa. Co mesmo nome artístico ten publicados cinco libros e exerce tamén como blogger desde maio de 2007.
Deseñador gráfico pola Escuela de Artes y Oficios Pablo Picasso de A Coruña, achéganos á realidade diaria do país desde o humor e o coñecemento profundo da maneira de ser, sentir e vivir dos galegos.
Do humor, da súa visión da idiosincrasia galega e da sociedade actual, falará o vindeiro xoves co público que acuda ao Sexto Edificio do Museo.
Pola súa banda, Octavio Beares escribe unha sección fixa sobre historieta para o diario Faro de Vigo desde 2009, e desde o 2011 mantén o blog sobre cómic 'Serie de Viñetas'. É colaborador en publicacións dixitais, para as que escribe sobre temáticas sempre relacionadas co cómic, como Culturamas, e a revista online 'Tebeos en palabras'.
En novembro de 2012 foi o coordinador do ciclo de charlas "Primeiros encontros coa Banda Deseñada: o cómic no museo", para o Museo de Pontevedra e no 2014 comisariou a exposición 'Do cómic á novela gráfica. A banda deseñada en España no século XXI'.