'El amor no es ciego', triunfadora da primeira edición do Certame de Curtametraxes de Poio
Por Redacción
El amor no es ciego, unha produción da realizadora cántabra Raquel G. Cimas, alzouse como a gran triunfadora do primeiro Certame de Curtametraxes Armadiña, que se celebrou esta fin de semana no Casal de Ferreirós de Poio.
A Áncora de Ouro, principal premio do concurso, foi outorgado polo xurado a esta curta, cuxo argumento discorre entre tres personaxes: Jaime ten 8 anos e é xordo, Rebeca ten 8 anos e é oínte, pero coñece a lingua de signos. Pablo ten 30 anos e nin é xordo, nin coñece a lingua de signos, pero é camareiro. Jaime está namorado de Rebeca, Rebeca está namorada de Pablo e Pablo está namorado do mundo. Quen levará á moza?
O xurado, composto por Fernando Jover, María Crespo, Beatriz Bravo, Xurxo Souto e Manuel Pastoriza, considerou este proxecto como o mellor dos presentados a concurso.
Pola súa banda, Flores para Amalia do director Nani Matos fíxose coa Áncora de Prata, galardón que premia a curtametraxe máis valorada polo público do certame e que foi elixido cos seus votos.
Durante os dous días que durou o certame, preto de 200 persoas visualizaron as 36 curtametraxes que se proxectaron -34 a concurso e dous pases especiais-.