Cantos na Maré, "a nosa chave para abrir as portas do mundo", volve a Pontevedra
Por Redacción
Cantos na Maré, o Festival Internacional da Lusofonía, volve un ano máis ao Pazo da Cultura de Pontevedra, para facer da lingua e da música "a nosa chave para abrir as portas do mundo". Así o contou no Culturgal Uxía, directora artística do proxecto, nun encontro en formato charla no que tamén participaron a concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, e o director da Agadic, Jacobo Sutil, e que estivo moderado pola xornalista Teresa Cuíñas.
Todos eles destacaron a autenticidade do festival, que busca sorprender en cada edición con novos descubrimentos e a interacción entre artistas diversos das dúas beiras do Atlántico, ofrecendo un espectáculo único e irrepetible. Ademais da data, o 16 de xaneiro, revelaron os primeiros nomes do cartel: a brasileira Thaïs Morell, a africana de Guinea Bissau Karyna Gomes e o dúo galego formado por Uxía e Narf (Fran Perez) no seu proxecto Baladas da Galicia Imaxinaria.
"Cantos na Maré é máxico polo que pasa enriba do seu escenario, que comparten por primeira vez artistas moi diversos e diversas, e polo coñecementos que teñen uns de outros", destacou Anxos Riveiro, que lembrou tamén que "a iniciativa naceu en Pontevedra hai tempo grazas á vontade de persoas que queren achegarnos a outras culturas e tender pontes".
Pola súa parte, Jacobo Sutil falou co festival como "precursor entre os eventos culturais cuxo formato fomenta a convivencia". Subliñou tamén a súa importancia pola súa capacidade de exportación de creadores galegos e por mirar ao mercado lusófono como estratéxico para Galicia.
"Para esta edición quixemos volver á lingua como eixo central, posto que no 2016 se lle dedica o día das Letras Galegas a Manuel María, que dixo esta frase: o idioma é a chave coa que abrimos o mundo", explicou Uxía. Neste senso sinalou que a súa función é facer de fío condutor para que os artistas sintan que veñen á súa casa, onde nace a lingua e logo se espalla polo mundo.
Con respecto ao cartel desta edición dixo que pretende sorprender e descubrir novos nomes que nos seduzan, como o de Thaïs Morell, "unha gran descoñecida da que a crítica está comezando a falar marabillas" e Karyna Gomes, "a revelación máis recente da música africana". Reservouse algunhas sorpresas, que se darán a coñecer nas vindeiras semanas.
Cantos na Maré 2016 buscará de novo compoñer un repertorio específico para a ocasión, logo dunha semana de ensaios e convivencia entre os artistas participantes, acompañados de novo por unha banda tamén internacional, coa dirección artística de Uxía e a dirección musical de Paulo Borges.
Relacionadas:
-
O mítico músico brasileiro Alceu Valença, última sorpresa do festival Cantos na Maré
Por Redacción |
-
Cantos na Maré regresa con "forzas renovadas" e con Thaïs Morell, Karyna Gomes, Uxía, Narf e Jorge Palma
Por Alejandro Espiño |
-
Culturgal pecha a oitava edición con cifras de público similares ás de 2014
Por Redacción |
-
Así foi o domingo no Culturgal
Por Redacción |