O mítico músico brasileiro Alceu Valença, última sorpresa do festival Cantos na Maré
Por Redacción
Cantos na Maré, o Festival Internacional da Lusofonía, completa o cartel da súa duodécima edición cunha última sorpresa: Alceu Valença, un dos artistas brasileiros máis transgresores, que leva máis de cinco décadas electrizando os ritmos do seu Pernambuco natal, cunha gran repercusión internacional.
Alceu Valença era un transgresor cando subiu por primeira vez a un escenario con só 4 anos e continúa a selo agora con 69, cando segue ensanchando os marcos dos ritmos nordestinos con respectuosa irreverencia. O maracatu, o frevo, os caboclinhos, o baião ou a toada son algúns dos sons da súa terra que el reinventou pasándoos polo filtro eléctrico do pop e o rock, sen que perdesen nin unha miga da forza da música de raíz popular.
Valença colaborou con outros grandes como Geraldo Azevedo, Luiz Gonzaga, Arto Lindsay, Maria Betânia e Jackson do Pandeiro, e levou os achados do tropicalismo máis lonxe que ninguén.
Ao longo de cinco décadas de música ao vivo e grandiosas gravacións trazou unha carreira coherente que arrastra a varias xeracións. No seu traballo, pandeiros, pífanos e rabecas confúndense coa guitarra e o baixo eléctrico para dar como resultado unha obra única, unha música tan nordestina como universal.
Relacionadas:
-
O músico guineano Manecas Costa, na nova edición de Cantos na Maré
Por Redacción |
-
Artistas de África, Europa e América nun Cantos na Maré que terá a Narf na lembranza
Por Alejandro Espiño |
-
Novo éxito do festival Cantos na Maré no Pazo da Cultura
Por Diego Torrado |
-
Cantos na Maré regresa con "forzas renovadas" e con Thaïs Morell, Karyna Gomes, Uxía, Narf e Jorge Palma
Por Alejandro Espiño |
-
Cantos na Maré, "a nosa chave para abrir as portas do mundo", volve a Pontevedra
Por Redacción |