Retrouso, cabeza de cartel no Festival Air d’Irlande, en Toulouse
Por Redacción
Os músicos de Retrouso viaxarán ao sur de Francia no 2016. O 14 de maio o seu grupo de gaitas actuará como cabeza de cartel do Festival celta Air d’Irlande que se celebra cada ano na localidade de Saint Sulpice La Pointe, en Toulouse. Será o único representante español e compartirá escenario con outros oito grupos de música celta, irlandeses e de distintos puntos de Francia.
Para Rubén Bastón, membro do grupo de gaitas, "vémolo como todo un premio a anos de traballo, a tantos ensaios e actuacións de pasarrúas, de traballar e pulir repertorio en vodas e todo tipo de oportunidades; souberon de nós e das nosas gravacións por Internet e tras varios meses de conversas concretouse esta gran oportunidade".
A expedición de Retrouso a Francia será de arredor dunha quincena de músicos. "O certo é que durante o ano 2015 xa tivemos varias actuacións interesantes, en puntos emblemáticos da Coruña, Cambados e Baiona e sobre todo una actuación en Mallorca, que xa foi espectacular; pero podermos ir ata Francia nun festival destas características e como cabezas de cartel estamos seguros de que será algo que lembraremos por sempre", apuntou Bastón.
"Aínda que a música celta adoita vencellarse moito sobre todo á Bretaña, cando se fala de Francia, este tipo de música é moi valorado e pomovido en toda Francia", explica o músico de Retrouso. De feito, esta é a oitava edición deste festival e non só se escoitará música celta, senón que tamén haberá obradoiros de danza irlandesa e exposicións de artesanía.
O grupo de gaitas Retrouso fundouse no ano 2002 e está dirixido polo gaiteiro do Hío, Cristóbal Prieto. Combina pezas tradicionais con outras de composición, sempre respectuosas coa esencia dos ritmos e cultura galega.
SOBRE RETROUSO DE CELA
A Asociación Cultural Retrouso de Cela (Bueu) leva máis de 15 anos traballando pola recuperación e impulso da cultura tradicional galega e nomeadamente a música e o baile tradicionais. Ten unha forte estrutura de escolas de baile, gaita, percusión, canto e pandeireta e acordeón, ademais de organizar recollidas de campo, foliadas e festivais musicais.