O novo plan cultural da Deputación primará criterios sociais e a dinamización do galego
Por Redacción
Un total de 700.000 euros destinará a Deputación de Pontevedra a Pontegal, o programa que vén a substituír ao anterior Plan Cultural polo que apostaba o goberno de Rafael Louzán e que permite colaborar cos concellos e coas asociacións sen ánimo de lucro para que contraten actuacións de grupos e artistas inscritos en dito programa.
As súas bases quedaron aprobadas esta mañá na Xunta de Goberno e serán publicadas a comezos do vindeiro mes de xaneiro.
Entre as principais novidades que introduce atópanse dous novos criterios para a adxudicación das actuacións, a 'dinamización da lingua galega' e a 'inclusión das actuacións en programación de carácter social', que puntuarán o 30% cada un. Puntuando co 20% mantéñense os criterios de 'adecuación da actuación ao interese supramunicipal' e o 'número posible de beneficiarios do evento'.
Ademais, o importe total das actuacións autorizadas para un mesmo evento non poderá superar os 1.200 euros e as solicitudes destas actuacións deben realizarse cunha antelación superior aos 45 días.
Poderán solicitar actuacións do Pontegal os concellos e as asociacións sen ánimo de lucro que, como entidades organizadoras dos actos e eventos nas que se inclúan, están obrigadas a facer a publicidade das actividades en lingua galega, a empregar linguaxe non sexista e a introducir o logo do Pontegal 2016 e da Deputación de Pontevedra.
Segundo as bases aprobadas esta mañá, se as entidades organizadoras non cumpren con estas obrigas quedarían excluídas da axuda. Pola súa banda as agrupacións seleccionadas tamén se comprometen a velar porque as entidades solicitantes inclúan os requirimentos arriba citados na publicidade do evento ou actuación.
GRUPOS SOLICITANTES
Poderán solicitar a inclusión no Pontegal as bandas de música, masas corais, grupos folclóricos, grupos e bandas de gaitas, agrupacións de música tradicional, de música clásica ou de teatro, entre outros, co fin de contribuír a difundir e promover a música, o folclore, o teatro, a danza, o audiovisual e as demais manifestacións artísticas. Teñen de prazo ata o 1 de febreiro. Serán seleccionados polo Servizo de Cultura e Lingua Galega da Deputación.
No caso de bandas de música, masas corais e grupos folclóricos a clasificación faise en función do número de membros e de se teñen escola de música e/ou de baile. Os grupos de teatro deben presentar unha proposta de programación e datos relacionados co caché, a escenografía e o custo da montaxe. No apartado de música clásica incluirase un apartado para grupos de cámara, outro para solistas, dúos, tríos, cuartetos e quintetos, e un terceiro para orquestras. Por último, haberá un apartado para música tradicional e outras disciplinas artísticas nas que se inclúen poetas, humoristas, e audiovisuais.
O Pontegal 2016 establece unha táboa cos importes que por parte da Deputación se abonarán a cada actuación. Dita táboa recolle o importe correspondente a cada tipo de grupo, nun abano que vai desde os 600 euros para as bandas de música de máis de 65 membros e con escola de música ata os 200 euros para os grupos de gaitas. A táboa que se publicará nas bases recolle o importe correspondente á Deputación, posto que o resto do importe do caché do espectáculo, de ser o caso, será abonado pola entidade solicitante.