Cinco poetas recitan versos galegos no Manuel Torres de Marín
Por Redacción
A asociación Queremos Galego Marín organizou para o sábado 23 de xaneiro un recital de poesía galega no Museo Manuel Torres que se celebrará a partir das 19.00 horas. Este colectivo quere, a través do evento, dar a coñecer a algúns dos novos valores da poesía galega.
A cita contará coa participación de cinco autores. A poeta Rexina Vega, premio Sthendal e finalista do premio nacional de Tradución pola obra de Georges Perec, O secuestro, será xunto a Amelia do Val, a representante feminina das letras galegas neste encontro. Amelia do Val obtivo o terceiro premio de Xuventude Crea e gañou, de forma compartida, en 2015 o primeiro premio deste certame.
Daniel Piñón Peón "Targus" será outra das caras representativas de autores novos no Manuel Torres. O seu primeiro libro de poemas leva por título Bailando nos charcos e ao longo deste ano publicará Inferno. Tamén é escritor de cancións para grupos de rock.
Alexander Vórtice, colaborador de PontevedraViva, tamén participará neste recital. Acaba de publicar Atrofiadas as Estrelas e conta cun importante número de obras literarias.
Por último, Leonardo Fernández Campos, coñecido popularmente como "O Leo i Arremecághona", ofrecerá a súa habitual enerxía neste encontro. É un artista polifacético, filólogo, cantautor e poeta. En 2007 publicou o seu libro de poemas Hai cu e é autor da música de diversos espectáculos teatrais, ademais de editar dous discos en solitario. O sábado tamén ofrecerá un pequeno concerto con algúns dos seus mellores temas no tramo final do acto.