Abre o telón PoioEscena 2016
Por Oskar Viéitez
O vindeiro 20 de xaneiro abrirá o telón de PoioEscena 2016.
É a sétima edición deste Ciclo de Teatro que promove a Concellaría de Cultura do Concello de Poio desde o ano 2010. Na edición de 2013, o ciclo ampliouse, pasando de celebrarse no mes de novembro no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó a contar cunha programación anual, e estendéndose a outras parroquias como Samieira e Combarro, coa intención de levar o teatro a máis sitios e tamén de achegar máis público ao teatro.
A concelleira Silvia Díaz explicou en rolda de prensa que "deste xeito optimizamos recursos e ampliamos a oferta cultural no municipio, cunha extensa e variada programación de 12 representacións ao longo do ano", como mínimo, xa que se contemplan no orzamento as representacións "bonus".
As representacións terán lugar o último fin de semana de cada mes, distribuídas entre Raxó (Centro Cultural Xaime Illa), Samieira (Casa do Pobo de Río de Bois) e Combarro (Salón de Actos da Comunidade de Montes).
Isto foi posible grazas a xuntar os esforzos e o traballo das tres asociacións organizadoras, a SCD Raxó, a SCD Samieira e Armadiña de Combarro, coa coordinación da Concellaría de Cultura e o patrocinio do Concello de Poio. Estas asociacións viñan organizando con anterioridade representacións teatrais nas súas respectivas localidades.
Colaboran tamén as Comunidades de Montes Rega do Can de Samieira e Rega dos Agros de Combarro cedendo as súas instalacións para levar a cabo as representacións nestas localidades.
O prezo é de un euro para os socios das asociacións organizadoras e tres euros para os non socios. Os cartos contribuirán a contribuír aos custes de desprazamento e montaxe dos grupos de teatro afeccionado.
Desde a pasada edición, existe un abono anual para asistir ás 12 representacións, en dúas modalidades: 15 euros para non socios e 5 para socios, o que supón un desconto de case o 60 % respecto á entrada na billeteira. O abono inclúe tamén a entrada para as sesións do Ciclo de Monólogos. Pode adquirirse a través das tres asociacións organizadoras.
A programación do primeiro semestre PoioEscena 2016 é a seguinte:
- SÁBADO 30 DE XANEIRO ÁS 20:30 H.
- Comunidade de Montes de Combarro
- Grupo de Teatro: Novo Trasno Teatro
- Obra: Consuelo
- SÁBADO 27 FEBREIRO ÁS 21 H
- Centro Cultural Xaime Illa ‐ Raxó
- Grupo de Teatro: Atlántica de Matamá.
- Obra: Falando de Carros.
- DOMINGO 27 DE MARZO ÁS 18:00 H
- Casa do Pobo de Río de Bois ‐ Samieira
- Grupo de Teatro: Pinga Teatro.
- Obra: A Bruxa Maruxa.
- SÁBADO 23 DE ABRIL ÁS 20:30.
- Comunidade de Montes de Combarro
- Grupo de Teatro: Disfunción Continua.
- Obra: Teimas.
- SÁBADO 21 MAIO ÁS 21 H.
- Centro Cultural Xaime Illa ‐ Raxó
- Grupo de Teatro: Agrupación teatral Mariñán.
- Obra: O de menos é o nome.
- DOMINGO 26 DE XUÑO ÁS 20:00H
- Casa do Pobo de Río de Bois ‐ Samieira
- Grupo de Teatro: Moura Teatro.
- Obra: Leóns de area.
Ademais da representación programada para o mes de xaneiro, na sesión inaugural celebrarase o recoñecemento honorífico (sen premio económico) á obra mellor valorada do 2015 pola votación do público.