Case 5.000 visitas ao Museo de Pontevedra no mes de xaneiro
O Museo de Pontevedra contabilizou, no mes de xaneiro, un total de 4.984 visitas, incluíndo as realizadas a exposicións e ás salas do Sexto Edificio. Segundo o deputado de Cultura, Xosé Leal, isto débese "ao froito dun bo traballo profesional e rigoroso por parte do equipo técnico do Museo, e esperamos que estes bos resultados non só se mantéñan, senón que se incrementen".
Unha das exposicións máis visitadas foi a dedicada ao fotógrafo de Soutelo de Montes, Virxilio Viéitez, que contabilizou un total de 7.161 visitas ao longo dos case dous meses que permaneceu aberta ao público no Sexto Edificio, entre o 10 de decembro e o 7 de febreiro. A estas visitas hai que engadirlle as case 100 unidades que se venderon do catálogo desta mostra, no que se recollen as 118 imaxes que compoñen a exposición.
Do total de visitantes á exposición do fotógrafo 484 persoas participaron nas visitas guiadas que organizou o gabinete didáctico do Museo, tanto para grupos escolares como para público xeral. Ademais, outras 307 persoas asistiron ao ciclo de conferencias organizadas ao redor desta exposición e que se celebraron en cinco sesións durante a segunda e a terceira semana de xaneiro.
O Museo centrarase este ano en exposicións relacionadas con Castelao. Concretamente, a primeira actividade relacionada co ano Castelao, a estrea da obra "Os vellos non deben de namorarse", adaptada ao teatro de marionetas e que foi representada os días 29 e 30 de xaneiro, foi vista por 700 persoas.