Tabernas, amigos e …“Ailaleeelooo, ailalaaalooo”
Por Redacción
Chegada á súa quinta edición a iniciativa Cantos de Taberna vai vendo como as sementes plantadas, asoman e crecen. Conseguiuse que se vaian formando grupos que se arrincan a cantar nos bares, que a xente tamén se anime a participar destes cantos e que mesmo se demande manter e ampliar este tipo de propostas tradicionais de lecer. Así o constata Xaquín Moreda, membro da Asociación Maravallada, que promove xunto co Concello pontevedrés dita proposta.
Nesta ocasión que comeza este próximo venres 26 de febreiro, poderase participar e escoitar a máis grupos de Pontevedra. Os promotores, Maravallada estarán entre as 21.00 e as 24.00 horas no Novo Viñedo e Maristas. A seguinte quedada será o venres 18 de marzo no Machuco e o Lar, con outro grupo pontevedrés Son das Ondas. O ecuador desta edición será o venres 29 de abril, cando o grupo Airiños do Mar, de Teis, ofrecerán o seu repertorio no Milano e o Pasaje.
Entrado no mes de maio, o venres 27, os pontevedreses -de Salcedo-, Cantanascroas convidarán a cantar a cantos quéiranse sumar no bar Saudade e no Trasno. Terminará o ciclo o venres 24 de xuño con Os Carunchos; este grupo folk vigués fixo unha "readaptación" de si mesmos para axustarse ás normas da convocatoria e estarán no bar Reixas e na Navarra.
Non é necesario ter unha garganta de ouro nin un oído finísimo para sumarse a estes cantos, simplemente ganas de cantar e pasalo ben durante esas tres horas. De feito, está previsto que cada venres se entregue un premio a aquelas persoas que resulten máis entusiastas en cada velada.