Pura Tejelo, gañadora do XIX Premio Johán Carballeira de poesía
Por Redacción
A XIX edición do Premio Johán Carballeira de poesía, convocado polo Concello de Bueu, xa ten gañadora. E neste caso, o xurado decidiu recoñecer o traballo de Pura Tejelo Núñez, co poemario A elegancia do século.
Os poetas Ismael Ramos, gañador da pasada edición, Ásun Estévez, e Ledicia Costas decidiron de forma unánime conceder este premio a unha autora que, no seu traballo, "explora o cotián dun xeito profundo e elaborado, empregando un repertorio de imaxes que con nitidez nos trasladan á anécdota ou situación que deu orixe á reflexión lírica".
Así mesmo apuntaron que son poemas con moita variedade temática e que presentan unha unidade interna.
A gañadora será premiada con 1.500 euros ademais da publicación do poemario por parte da editorial Xerais.
Esta decisión foi complicada, debido sobre todo á alta participación deste ano, no que se recibiron un total de 54 poemarios, o que supón o record de toda a historia do premio, que naceu no ano 1996, como unha homenaxe a Johán Carballeira, líder galeguista, poeta e xornalista, ademais de alcalde do municipio antes do golpe de estado.
Este premio de poesía complétase co de xornalismo, que se puxo en marcha no 2002 e que é un dos certames punteiros da nosa comunidade.
Nas próximas semanas reunirase o xurado que compón o Premio Johán Carballeira de xornalismo, e ambos gañadores estarán presentes nos actos que está organizando a Concellaría de Normalización Lingüística e de Cultura para a Semana das Letras Galegas, que este ano terá algunhas novidades.
Ao longo da súa andaina, este concurso ten premiado a poetas tan recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Berta Dávila, María del Carmen Caramés ou Ismael Ramos. Na categoría de xornalismo destacan Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias ou Arturo Sánchez Cidrás, gañador da pasada edición.