O RockLab do Pazo da Cultura, canteira de novos músicos
Por Redacción
Pontevedra segue a ser canteira para novos roqueiros. E unha actividade do Pazo da Cultura axuda aos máis pequenos a tomar contacto co mundo da música. Trátase do obradoiro RockLab, unha das iniciativas inseridas no programa Mini Pazo Club.
E este mércores os seus participantes participaron nun festival no que, por orde de idade, foron subindo ao escenario os diferentes grupos ata un total de seis actuacións que non deixaron indiferentes ao público.
Os primeiros en actuar foron os preto de 20 rapaces de entre 4 e 7 anos. Fixérono agrupados nunha orquestra na que todos os instrumentos eran diferentes. Este mesmo formato usou o grupo de 7 a 9 anos, cunha formación de 16 músicos.
O alumnado del grupo de 9 a 11 anos, que na súa maioría asistiron ao obradoiro o ano pasado, estivo dividido en tres grupos a cargo dun profesor. "Lagarto, lagarto", titorizado por Violeta Mosquera, "Velocirraptor" da man de Gonzalo Maceira e "Electric Demons", guiados por Alejandro Gayoso.
O peche do festival correu a cargo do primeiro grupo musical integrado por nenas que se crea grazas a esta proposta do Pazo da Cultura: Mushu. Formado por sete rapazas, gravaron unha maqueta hai unhas semanas.
Nesta segunda edición do RockLab, segundo Gonzalo Maceira, a experiencia foi moi positiva porque "ampliamos a marxe de idade e sendo pequenos fan cousas incribles".
Asegura que esta iniciativa é unha aposta pola creación de material propio onde todo sae da súa imaxinación. "A nosa intención é dar unha base, ofrecer posibilidades, dar unha base de instrumento e traballo en equipo a partir da que poidan seguir traballando ao rematar o seu paso polo RockLab". Así será con Mushu, que para o ano xa voarán soas.
Relacionadas:
-
RADIO.- Violeta Mosquera: unha 'Playlist' en feminino coa pregoeira das festas da Peregrina
Por Cristina Saiz & Marisa Ciordia |
-
MiniPazo Club, unha proposta lúdica e cultural para os pequenos da casa
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Os vellos roqueiros nacen cedo: Rocklab & Coro Barcelos
Por Redacción |