O documental "Muíños, a memoria da auga" porá en valor os muíños de Salcedo
Por Alejandro Espiño
Os muíños son un dos elementos etnográficos máis destacados e identificativos da paisaxe natural de Galicia e os de Salcedo, tras o traballo de recuperación realizado nos últimos anos, son claro exemplo diso.
Así, un documental da Sociedade Antropolóxica Galega poñerá en valor toda esta tradición. Trátase de Muíños, a memoria da auga, que será presentado este xoves 2 de xuño, ás oito da tarde, na Casa Verde de Salcedo.
Muíños, a memoria da auga achega aos espectadores á historia dos muíños do río, a súa arquitectura e funcionamento, aos seus usos e costumes ou ao patrimonio inmaterial vinculado a estas construcións e ao seu papel económico e social que xogaron nas comunidades agrarias galegas ao longo do tempo.
Rafael Quintía, director e guionista deste traballo audiovisual, explicou que os verdadeiros protagonistas deste documental son os propios veciños de Salcedo que, nos últimos anos, protagonizaron un proceso de "empoderamento" e móstranse "orgullosos" do seu pasado "e están dispostos a falar da súa memoria".
Son eles os que narran o papel que os muíños tiveron no rural pontevedrés e fano "a través dos recordos das súas vidas". Todo iso apoiado en recreacións 3D e infografías que mostran como era o traballo nestas construcións tradicionais.
Grazas a este proceso de recuperación da memoria colectiva, segundo explicou o edil Luís Bará, permitiu que os veciños de Salcedo se impliquen aínda máis no coidado e a protección da parroquia.
Tras a súa estrea en Salcedo, Muíños, a memoria da auga tamén proxectarase en Pontevedra e a Sociedade Antropolóxica Galega recibiu peticións para levar o documental a numerosos concellos galegos.