Un 'Serán de tralla' coas bandas emerxentes do Local de Música
Por Alejandro Espiño
O Local de Música de Pontevedra organizará este sábado 4 de xuño, a partir das seis da tarde, un "Serán de tralla". Trátase dunha iniciativa na que participan nove bandas emerxentes da cidade que nos últimos meses estiveron a recibir un asesoramento personalizado.
Este seguimento personalizado foi realizado por Marcos Rodríguez, ex usuario do local e na actualidade músico da banda Vortex e estudante de produción audiovisual e de espectáculos.
O obxectivo deste programa de asesoramento, que se quere potenciar de cara ao ano que vén, é que estes grupos saian do Local de Música preparados para tocar en directo ou en outros proxectos do Local como o Fest ou os 15 Bolos.
Así, segundo explicou Marcos Rodríguez, estas bandas reciben formación en cuestións de organización do grupo, posta en escena, imaxe, xestión de redes sociais ou como prepararse para unha gravación.
As bandas que se subirán o escenario, situado na explanada do Local de Música, serán AnodhoR, Chirri Bomb, Loaded Gun, Bagoal, Stock, Via Sete No one for President, Venemous Pinnk, Glitter¬Litter e Wiseman.