Coa chegada do verán a Banda de Música ocupa as rúas
Por Oskar Viéitez
A Banda de Música de Pontevedra (BMP) marca o inicio da programación estival co ciclo de concertos "Sons na Rúa", que este ano engade un reto: pechar o ciclo cunha actuación conxunta cos grupos Treixadura e Cantigas e Agarimos e facelo nunha data moi especial, o 17 de agosto.
"Sons na Rúa" é un ciclo de seis concertos que comeza este xoves, 9 de xuño, ás 21 horas. Baixo o título de "Raíces" a BMP actuará no Palco da Música da Alameda.
A secretaria da BMP, Ana Franqueira, suliñou que este concerto contará cun repertorio de temas tradicionais moi populares.
Após esta primeira cita seguirálle o 30 de xuño. "Rock, pop & swing na rúa". Praza do Teucro, ás 21 horas. O mellor será que se despexen as sillas porque os temas escollidos "invitan a bailar". De seguro que serán do agrado de todos cantos asistan.
O 7 de xullo chegará "Xoldra na eira", tamén na Praza do Teucro, e de novo ás 21 horas. A cita coa música tradicional galega coa colaboración da Banda de gaitas de Forcarei e o Grupo de baile Xirandola.
O 4 de agosto é a "Lírica na praza", neste caso na Praza dos Irmáns Pazó, ás 21 horas. Opera, zarzuela e musicais, dende o Barbeiro de Sevilla ata West Side History.
O "Man a man", da BMP xunto coa Banda de música de Salcedo será o 12 de agosto na Praza da Ferrería, ás 21 horas. Coma sempre, quedará pequena neste "desafío dende a amizade".
Como remate, o 17 de agosto. Treixadura, Cantigas e agarimos coa Banda de Música de Pontevedra. Praza de España, ás 22 horas. É un dos concertos da semana grande das festas da Peregrina.