Love of Lesbian, Delafé, Andrés Suárez, Iván Ferreiro, Coque Malla, El Gran Wyoming ou Mikel Erentxun, no Grove en agosto
Por Alejandro Espiño
Poucas salas de concertos poden presumir dunha programación tan intensa e de tan alto nivel como a que ofrece El Náutico de San Vicente do Mar (O Grove) ao longo do verán. Pero, sen dúbida, este ano parece superarse co que nos deparará o mes de agosto. Love of Lesbian, Delafé y las flores azules, Andrés Suárez, Iván Ferreiro, Coque Malla, Rozalén, El Gran Wyoming ou Mikel Erentxun son só algunhas destas propostas.
Outro grande da música abrirá a programación de agosto. Josele Santiago, líder de los Enemigos, actuará no Grove o mércores día 3 ás oito da tarde. Xa en sesión de madrugada será a quenda de Animal Blues. Ademais, Rozalén regresará ao Náutico o xoves 4, mentres que Los Potros, Los Zigarros e Fredi Leis -venres, sábado e domingo- chegarán a fin de semana, os dous primeiros á unha da madrugada e o compostelán en sesión de tarde.
O luns día 8 compartirán escenario Taburete e Última experiencia, mentres que ao día seguinte será a quenda de Wyoming y los Insolventes, que actuarán ás 01.00 horas. Mikel Erentxun actuará o mércores día 10 de agosto ás oito da tarde e, ese mesmo día pero de madrugada, fará o propio a compositora suízo-galega Nastasia Zürcher. Os tres días seguintes están reservados para unha nova edición de Laboratorio N Estrella Galicia.
Love of Lesbian, cun concerto en acústico, tomarán a substitución o domingo 14 de agosto ás oito da tarde e a continuación subirase ao escenario Larifer, unha banda de jazz, soul e blues. Nothing Places e Egon Soda actuarán o luns 15, mentres que o martes 16 haberá sesión tripla con Iván Ferreiro ás oito da tarde, un espectáculo cómico de Ángel Martín ás doce da noite e un concerto de Gatos Bizcos, xa de madrugada.
Dous días, 17 e 18 de agosto, están reservados para Gran Cañón, a banda que forman entre outros Carlos Tarque e Leiva; e outros dous, 23 e 24 de agosto, serán para Andrés Suárez. Entre eles, chegarán ao Náutico Nicolás Pastoriza e Amaro Ferreiro (19 de agosto), Freedonia (20 de agosto), e Antonio Lizana e Delafé y las flores azules (21 de agosto).
A recta final do verán comezará con outro habitual da sala, Coque Malla, que actuará en directo o xoves 25 de agosto. Ao día seguinte Morgan, Salto e Anaheim participarán nunha Noite Americana, con cea incluída, e o sábado 27 celebrarase a festa fin de verán con bandas habituais do local. Pero aínda haberá unha sorpresa máis que a organización desvelará moi pronto.