Arte e educación para a paz danse cita en Afundación
Por Redacción
A exposición de arte colectiva 'ArtePaz_A Voz dos Artistas II', composta por pezas realizadas por creadores plásticos galegos e nacionais, chegará o próximo 8 de setembro ao Café Moderno de Afundación en Pontevedra. É froito dunha colaboración entre Afundación, a ONG Seminario Galego de Educación para a Paz e a facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo en Pontevedra.
A mostra poderá visitarse ata o 15 de outubro. Estará aberta de luns a venres de 17.30 a 20.30 horas e os sábados de 11.00 a 14.00 horas e de 17.30 a 20.30 horas na sala de exposicións do Café Moderno
O proxecto busca a coherencia do conxunto das obras e a participación dos artistas para abrir diálogo acerca de temas como a xustiza, a infancia e a non violencia. Parte da recadación da venda das obras irá destinada ao financiamento de iniciativas educativas da ONG, segundo informou Afundación.
A exposicion está comisariada por Alba Fandiño e inclúe obras de 25 artistas: Xulio Álvarez Bautista, Suso Basterrechea, Loreto Branco, Olalla Cortizas, Juan Fernando de Laiglesia, Miguel Docampo, Estefanía Domínguez Cagiao, Helena Fernández- Nóvoa, David Fidalgo Omil, Xosé Freixanes, Sara Fontes, Carmen Hermo, Lizartonne, Guiyo Mateos, Míriam Méndez, Mar Ramón, Miguel Rodríguez Acosta, Alexandre A. R. Costa, Manuela Elizabeth Rodríguez, Sebas Anxo, Lola Saavedra, Eva Seoane, Cachi Adoitar, Manuel Uhía e Clara Vindel.
Os sábados 17 de setembro e 8 de outubro haberá visitas guiadas pola comisaria e tamén está prevista a celebración de cinco talleres para todos os públicos coordinados pola investigadora Olalla Cortizas os días 16, 13 e 29 de setembro e o 7 de outubro.