25 artistas solidarízanse co Seminario de Educación para a Paz no Café Moderno
Por Mónica Patxot
A mostra de arte colectiva "ArtePaz_A Voz dos Artistas II" composta por diferentes estilos e técnicas inaugúrase este xoves ás 20.00 horas no Café Moderno de Afundación de Pontevedra. Esta exposición poderá visitarse ata o 15 de outubro e nace da colaboración de Afundción coa ONG Seminario Galego de Educación para a Paz e a Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
A mostra abrirase ao público de luns a venres de 17.30 a 20.30 horas e os sábados de 11.00 horas a 14.00 horas e de 17.30 a 20.30 horas na sala de exposicións e inclúe talleres para todos os públicos.
Este mércores presentaba esta exposición a coordinadora adxunta da área de Cultura de Afundación, Paloma Vera, acompañada pola representante do Seminario Galego de Educación para a Paz, Carmen Durán, a vicedecana de Belas Artes, Susana Cendán, o profesor emérito Juan Fernando de Laiglesia, a comisaria da mostra, Alba Fandiño e o alumno Julio Álvarez, que desenvolverá un obradoiro neste proxecto que busca abrir un diálogo entre temas como a xustiza, a infancia e a non violencia.
A recadación que se logre pola venda das obras destinarase ao financiamento de iniciativas educativas da ONG. Moitos dos participantes da mostra pertencen á Facultade de Belas Artes.
Está previsto que se oferten cinco talleres para todos os públicos coordinados pola investigadora Olalla Cortizas e levarán a cabo visitas guiadas durante os sábados 17 de setembro e o 8 de outubro ás 12.00 horas.