...e chegou a estrea da webserie "Prevenidos"
Por Redacción & Mónica Patxot
Este mércores foi a estrea no Teatro Principal de Pontevedra da webserie Prevenidos dirixida pola estudante da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Lucía Estévez.
"Prevenidos é unha webserie para toda aquela persoa que queira saber o que non se debe facer nunha rodaxe", apunta Estévez do resultado final da gravación, catro capítulos de aproximadamente dez minutos que, trala súa estrea iranse subindo de maneira escalonada á rede.
Nunha entrevista para o Diario da Universidade, Lucía explica que a serie "representa un equipo de rodaxe que vai facer unha curta e as relacións que se establecen entre eles, os problemas que xorden, os egos...". No guión traballaron Claudia Alonso, Nerea Sarmiento e Lucía Estévez, "desde óptica da comedia, de rirnos un pouco de nós mesmos e dese concepto do cine lowcost”.
"Traballamos moito, moitas persoas e moitas horas", resume Estévez do proceso de creación de Prevenidos, "unha historia que fala da convivencia na rodaxe" e dos problemas que esta pode xerar e que, pola contra, é froito do traballo dun "gran equipo", como sinala a súa directora, que valora o que lles achegou unha "experiencia vital" da que destaca, por riba de todo, a convivencia. "Prevenidos é unha comedia levada con moito coidado, non queríamos caer na burla nin na parodia absurda", recoñece esta alumna de Comunicación Audiovisual, que admite tivo "moi clara a dirección que quería" para unha serie sen "personaxes estereotipados nin levados ao extremo” e na que “o reparto foi realmente xeneroso".
"A experiencia da rodaxe foi unha loucura moi gratificante", engade a produtora Araceli Louro das sete xornadas de ensaios e rodaxe nas que os membros do equipo técnico e os actores e actrices conviviron nun albergue, "que ademais era parte do set" da propia gravación.
Mais, por riba de todo, esta alumna pon de relevo a aprendizaxe que supón estar á fronte dun proxecto deste tipo. "Nas aulas dannos as claves e pautas que debemos seguir pero non nos poden ensinar o que é enfrontarnos a un proxecto desta magnitude", que lles permite, como salienta, un primeiro achegamento "ao mundo laboral o que nos vamos enfrontar ao rematar a carreira".