Diego Giráldez presenta a súa "Galería de saldos" nun Vermú entre libros da libraría Paz
Por Redacción
A libraría Paz acolle este sábado 8 de outubro, a partir das doce e media da mañá, un novo Vermú entre libros. Desta volta o protagonista será o xornalista e escritor Diego Giráldez, que presentará o seu libro Galería de saldos.
Galería de saldos, que supón o debut literario de Giráldez no xénero da narrativa, saíu á rúa o pasado mes de xuño e está a recibir unha boa acollida tanto de público como de crítica.
Algúns dos máis importantes críticos literarios de Galicia cualificaron a Galería de saldos como "unha das revelacións literarias galegas do ano".
O libro está conformado por 28 relatos curtos nos que as vidas dos personaxes se mesturan con reproducións "baratas" de obras de arte coñecidas. É un paseo por diferentes historias moi apegadas á actualidade coas que calquera se pode sentir identificado.
Neste Vermú entre libros, o escritor estará acompañado da xornalista Teresa Cuíñas.