O patrimonio de Salcedo, a través dos ollos de Castelao
Por Redacción
Castelao guiará os participantes de dous roteiros teatralizados por Salcedo ideados para descubrir o patrimonio etnolóxico, histórico e artístico da parroquia.
Un actor da compañía 'Escuadra 17' dará vida ao autor de Rianxo durante esta actividade, nos que o antropólogo Rafa Quintía introducirá episodios históricos nun percorrido que lembra os lugares que Castelao menciona no seu escrito 'Meu Pontevedra'.
A iniciativa, presentada este mércores no Centro Social Sur, desenvolverase o sábado 12 e o domingo 20 de novembro con saída ás 10:30 horas desde a Praza de Galicia. A participación será libre e gratuíta e sen ser necesaria inscrición previa.
Ademais de dar a coñecer a paisaxe de Salcedo, a iniciativa pretende mostrar a forma de vida no pasado vinculada ao rural de Pontevedra, e os acontecementos e protagonistas da época histórica na que viviu Castelao na comarca.
Os roteiros terán unha duración aproximada de tres horas para completar un percorrido de catro quilómetros.