O tolleito de Inishmaan visita o Teatro Principal no marco do ciclo Ponteatro
Por Redacción
Un espectáculo cheo de amor e tenrura. É o que nos propón o ciclo Ponteatro para este xoves 1 de decembro. O Teatro Principal de Pontevedra acollerá, a partir das nove da noite, a representación de O tolleito de Inishmaan, da compañía CONTRAproducións.
Trátase dunha función de gran formato, con oito actores de prestixio sobre o escenario, unha potente escenografía, unha música emocionante e unha iluminación atractiva, na que o público se sentirá atrapado pola calidade do espectáculo, dirixido por Cándido Pazó.
Evaristo Calvo, Ana Santos, Ricardo de Barreiro, María Roja, Luís Iglesia, Santi Romay, Marcos Pereiro e Susana Dans son os protagonistas desta obra, que está ambientada nunha pequena illa irlandesa dos anos 30, pero que ben podería ser unha aldea galega.
Todos eles dan vida a personaxes curiosos e pintorescos, seres máis ou menos adorables, máis ou menos odiosos que, nun mundo física e humanamente illado, viven as súas vidas cativas como poden e como saben.
Entre eles un tullido, un ser desfavorecido que ten un soño que para el parece extremadamente difícil: ser amado e valorado como calquera outro.
As entradas están xa á venda, a un prezo de 7,75 euros, a través de www.ataquilla.com. En caso de non esgotarse, estarán dispoñibles no despacho de billetes do Principal unha hora antes do inicio da representación.