O Concello busca dar un "salto de calidade" co Local de Música
Por Redacción
O Local de Música é, desde hai anos, unha das referencias culturais da cidade. Alí ensaian actualmente medio cento de bandas da cidade, grupos emerxentes que buscan unha oportunidade no mundo da música. E agora o Concello busca, aproveitando que sae a licitación un novo contrato, potenciar estas instalacións e dar un "salto de calidade".
O responsable da área de Xuventude, Demetrio Gómez, explicou que o goberno municipal decidiu destinar 94.000 euros anuais a contratar este servizo, que se adxudicará por catro anos prorrogables a seis. Esta contía é sensiblemente superior aos 71.000 euros anuais cos que se xestiona na actualidade.
Con este incremento orzamentario preténdese "mellorar o servizo", segundo o edil do BNG. Non se vai a ampliar o local, que dispón actualmente de tres salas de música, pero si se renovará o material que haxa que cambiar, mellorarase o seu mantemento e haberá máis persoal: un dinamizador a tempo completo e, cando menos, un técnico de son a tempo parcial.
Ademais, as empresas interesadas neste contrato deberán deseñar un novo plan de xestión cun enfoque metodolóxico do local, un plan estratéxico que marque os obxectivos, un plan de comunicación e un plan de recursos, de tal xeito que se poñan solucións a problemas actuais como a xestión das salas de música a través das redes.
Con esta nova aproximación, o Concello busca axudar á profesionalizar os grupos do Local de Música. Para iso se lle esixirá á empresa adxudicataria un proxecto específico para dinamizar os grupos de Pontevedra, convocando un número mínimo de concertos; elaborando un plan de dinamización de redes ou a promoción da música emerxente, entre outras cuestións.
A aposta da Concellaría de Xuventude polo Local de Música é decidida ante o salto xeracional que acaba de vivir o local, e tendo en conta, segundo sinalou Demetrio Gómez, que xa está convertido nun centro de social xuvenil e ten aspiracións de seguir crecendo na cidade.
Relacionadas:
-
O BOE anuncia a licitación do Local de Música de Pontevedra por máis de 375.000 euros
Por Oskar Viéitez |
-
O 11 de marzo, nova cita co FEST do Local de Música
Por Redacción |
-
Interésache xestionar o Local de Música de Pontevedra?
Por Redacción |
-
Experiencia 'de tralla' para as bandas do Local de Música
Por Redacción |
-
Alex Marban e Stock gañan o Fest 2016
Por Diego Torrado |