Se aínda non enviaches a carta aos Reis Magos, inclúe este agasallo...
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Se no medio de tanta actividade de festas do Nadal aínda non enviaches a carta coas túas peticións aos Reis Magos, aínda podes incluír un novo agasallo: entradas ou un abono ao ciclo de teatro para toda a familia Domingos do Principal. Están á venda xa desde este martes 20 de decembro, de modo que as súas Maxestades de Oriente aínda teñen tempo para incluílo nos seus paquetes de obsequios.
Nesta liña, a concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, presentou o programa recomendando que "agasallar cultura é un agasallo marabilloso" e destacou que Domingos do Principal, ademais, comezará o próximo 15 de xaneiro, de modo que a época é propicia para incluíla entre as peticións de agasallos do Nadal.
O ciclo incluirá, como en anos anteriores, sete obras diferentes en dobre función ás 12.00 e as 18.30 horas e seguirá unha política de prezos contidos, isto é, catro euros a entrada única e 21 o abono para todo o ciclo. A venda anticipada está xa dispoñible en Ataquilla e no número 902504500 e o despacho de billetes estará aberto dúas horas antes de cada función.
Os espectáculos serán entre o 15 de xaneiro e o 5 de marzo no Teatro Principal e, segundo Xacobe Rodríguez, da compañía coordinadora, Teatro Akatro, inclúe un amplo abanico de posibilidades para "achegar as artes escénicas ás familias". Ademais de dúas sesións os domingos para o público familiar, tres das obras terán tamén funcións os luns para os centros escolares.
Unha compañía pontevedresa, Baobab Teatro, abrirá o ciclo o domingo 15 de xaneiro con O lobo e a lúa, un espectáculo de teatro de autor e marionetas recomendado para nenos a partir de 2 anos. Trátase dunha historia sinxela e moi tenra protagonizada por un pequeno lobo que necesita falar coa lúa, pero, como está lonxe, non o escoita.
Retahilando, inspirado na tradición oral, chegará o 22 de xaneiro. Trátase dun espectáculo de teatro de aturo con música en directo e contos de Eugenia Manzanera recomendado a partir dos 3 anos. Lembrará aos presentes os contos e historias que lles cantaban os seus pais e avós.
O 29 de xaneiro chegará a compañía catalá Cia L'animei con Bhrava!, un espectáculo de teatro de marionetas, mimo, danza e humor no que a protagonista camiña por rúas nas que as cousas non son o que parecen. Está recomendado a partir dos 3 anos.
A compañía valenciana La coja dansa interpretará o 5 de febreiro Amagatall, unha mestura de danza contemporánea e videocreación recomendada a partir de 5 anos que narra a aventura duns pais que buscan á súa filla Claudia cando sae voando agarrada a un globo.
A quinta función, o 12 de febreiro, será Xurdefet, da compañía galega Berrobambán, un espectáculo de teatro de autor recomendado a partir de 6 anos creado a partir de textos do autor francés Jacques Prévert.
A compañía da Rioxa El Perro Azul traerá o 19 de febreiro Superheroe, un espectáculo de máscaras e marionetas no que un só actor dá vida a cinco personaxes diferentes. Está recomendado para nenos a partir de 8 anos.
O ciclo terminará o 5 de marzo coa compía de Euskadi Teatro Gorakada, que traerá ao Teatro Principal o seu espectáculo Moby Dick. Recomendado a partir de 6 anos, interpreta o texto clásico de Moby Dick cun toque de música e humor e cunha escenografía sinxela, pero cun tratamento sorprendente.
Relacionadas:
-
Este Nadal, agasalla 'Domingos do Principal'
Por Redacción |
-
Calquera día é bo para unha festa. E con teatro, máis
Por Diego Torrado |
-
Danza e videocreación para unha divertida xornada en Domingos do Principal
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Domingos do Principal colga o cartel de "todo vendido"
Por Diego Torrado & Redacción |
-
"O lobo e a lúa" de Baobab abre o ciclo de teatro Domingos do Principal
Por Redacción |
-
O Pazo promete un 2017 "espectacular" para celebrar o seu vixésimo aniversario
Por Alejandro Espiño |
-
Máis de 6.000 espectadores confirman o apoio dos pontevedreses a Domingos do Principal
Por Redacción |
-
'Luppo', de Baobab Teatro, clausura unha exitosa edición de Domingos do Principal
Por Diego Torrado & Redacción |
-
A imaxinación faise dona de Domingos do Principal da man de "Faboo"
Por Redacción & Diego Torrado |