Os espazos poéticos e biográficos de Rosalía de Castro chegan ao Museo con Xurxo Lobato
Por Redacción
Os espazos biográficos e poéticos de Rosalía de Castro chegaron ao Sexto Edificio do Museo de Pontevedra para pechar a programación anual de exposicións da entidade cultural. Chegaron da man da exposición 'Airiños aires Rosalía', que reúne 50 fotografías en branco e negro de Xurxo Lobato.
A exposición, de carácter itinerante, compleméntase con material bibliográfico dos fondos propios do Museo de Pontevedra, con cinco vitrinas nas que se exhibe material bibliográfico relativo á autora dos fondos propios da institución. Entre este material está unha primeira edición de En las orillas del Sar do ano 1884 coa firma autógrafa da propia Rosalía de Castro ou a necrolóxica da morte da autora publicada o 26 de xullo de 1885 por 'O Tío Marcos da Portela'.
'Airiños aires Rosalía' poderá visitarse na sala 3 da planta baixa do Sexto Edifico ata o 29 de xaneiro e presentárona este martes o propio autor das fotografías; o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal; o director do Museo, Carlos Valle; o director de área de Pontevedra de La Caixa, Manuel Márquez; e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira.
Xurxo Lobato definiu a mostra como unha mirada intimista e cunha compoñente nostálxica, evocadora e practicamente sen figuras humanas, para recrear á súa maneira os seus espazos, os espazos habitados e os espazos nos que se inspirou para os seus poemas.
Segundo explicou, elixiu a Rosalía de Castro por ser unha figura que "une a todas as tribos de Galicia", unha das grandes iconas da galeguidade e porque ten unha certa compoñente feminista, xa que, no século XIX "non é unha mera acompañante de Murguía, senón que adopta unha postura como poeta e cun papel protagonista por si mesmo".
Xosé Leal destacou a "visión poética, a visión persoal que aporta" Xurxo Lobato e resaltou que é unha nova visión sobre a figura de Rosalía e o director de área de Pontevedra de La Caixa explicou o seu apoio a esta iniciativa como un respaldo a unha proposta estreitamente ligada aos valores da cultura galega, atendendo ao "valor innegable que para todos os galegos ten a obra e a figura de Rosalía".