Ameazan con levar ao xulgado a reforma do Edificio Sarmiento pola desaparición de pedras do século XVII
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Levan desde xullo realizando unha investigación sobre os traballos de reforma do claustro interior do Edificio Sarmiento. Os integrantes da Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra (AMUPo) denuncian que no ano 2012, con Ana Isabel Vázquez como deputada responsable de Cultura decidiuse retirar as pedras, datadas nos séculos XVII e XVIII, que se atopaban cubrindo os espazos dos arcos deste claustro como era habitual nos colexios de xesuítas.
Ernesto Vázquez-Rey, secretario de AMUPo, indica que as pezas foron trasladadas á Escola de Canteiros de Poio para terminar en Lalín onde estaba previsto que se utilizasen, unha vez moídas, na pavimentación de estradas provinciais.
Vázquez-Rey cualifica esta decisión como un "escándalo" constitutivo de "delito" e sinala que naquel momento nin Rafael Louzán, presidente da Deputación, nin a deputada Ana Isabel Vázquez ofreceron explicacións sobre a desaparición das pedras. Apunta que se descoñece se son as orixinais pero que, en calquera caso, existe unha responsabilidade porque desaparecesen elementos susceptibles de protección.
Ademais, desde este colectivo consideran que o Pazo de Lourizán atópase nunha situación lamentable porque desde a Deputación Provincial nunca se acometeu unha obra. Neste caso tamén culpan desta situación, ao Concello de Pontevedra. Ambos son responsables da situación do edificio desde os anos 60. Vázquez-Rey sinala as carencias que sofre o edificio, sobre todo, no chan.
Desde a Asociación Amigas e Amigos do Museo indican que en 2017 reclamarán responsabilidades tanto xurídicas como políticas pola situación tanto do Edificio Sarmiento como do Pazo de Lourizán.
Este colectivo trasladou ao conselleiro de Cultura a súa protesta ante a posibilidade de que Ana Isabel Vázquez se convirta en xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia cando aquí se dedicou a "abrir o Museo á sociedade con guateques hippies e desfiles de modelos polas salas adiante" e pechou os edificios centrais, que continúan sen abrirse ao público.
Relacionadas:
-
Un Consello Asesor de expertos do Museo será o encargado de decidir o nome do Sexto Edificio
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Suxiren facer do Pazo de Lourizán un centro de divulgación ambiental de Galicia
Por Oskar Viéitez |
-
A inauguración do edificio Sarmiento completa a histórica aposta da mazá cultural
Por Oskar Viéitez |