A FANPA convoca o seu V Certame de Relato Curto
Por Diego Espiño
A comunidade educativa da provincia está chamada a participar no V Certame de Relato Curto convocado pola Federación de Nais e Pais (FANPA).
O certame, presentado este xoves no Concello de Pontevedra, colaborador xunto á Deputación e a editorial Kalandraka, contará con catro categorías, para alumnos de Primeria, Secundaria, Bacharelato/Formación Profesional e tamén unha destinada a adultos.
"Este tipo de certames soen ser o berce dos futuros escritores en lingua galega", sinalou o deputado provincial Xosé Leal, que do mesmo xeito que o concelleiro Alberto Oubiña mostrouse "orgulloso de que sexa en lingua galega".
O prazo para entregar os relatos manterase aberto ata o próximo 28 de febreiro, estando previsto a recepción de "entre 700 e 800 relatos", recoñeceu o presidente da FANPA, Rogelio Carballo.
Os premios, para o gañador de cada unha das categorías, será un vale de 200 euros, un lote de libros de Kalandraka, un xogo e unha lámina do ilustrador Xosé Cobas. Ademais como novidade, nesta ocasión os cinco primeiros clasificados en cada categoría poderán participar nun obradoiro de creación literaria impartido pola Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Como en anteriores edicións Kalandraka publicará nun libro os 120 relatos finalistas, no que se incluirá un texto feito expresamente para a ocasión polo escritor profesional Xabier Docampo.
As bases do V Certame de Relato Curto poden consultarse na web certame.nontedurmas.org.