Pontevedra, sede dun congreso internacional sobre a literatura inglesa renacentista
Por Redacción
Estudosos da literatura e a cultura inglesa de diferentes países xuntaranse en Pontevedra entre os días 3 e 5 de maio para participar nun congreso sobre a Inglaterra renacentista. O evento, centrado na literatura inglesa dos séculos XVI e XVII, acollerá a presentación dos estudios de máis de 40 investigadores.
O evento, organizado pola Sociedade Española e Portuguesa de Estudos Renacentistas Ingleses (SEDERI), e desenvolverase na Casa das Campás e no Teatro Principal. Terá como eixo a transculturalidade e a "trantextualidade" nas obras da época de William Shakespeare.
Nesa época, recorda o profesor Jorge Figueroa, produciuse un boom literario e teatral en Inglaterra. Foi tamén un período no que os autores británicos "coñecían e adaptaban obras contemporáneas do continente, principalmente italianas, españolas ou francesas" ao tempo que se interesaban "polos descubrimentos de novas terras e culturas".
Moitas das comunicacións que se presentarán nestas xornadas abordarán casos de obras inglesas que adaptaban textos españois e viceversa, adaptacións fílmicas de obras de Shakespeare ou "distintos casos de intertextualidade".
Divididas en 14 paneis que se desenvolverán ao longo das tres xornadas na Casa das Campás, neste congreso participarán investigadores e investigadoras procedentes de universidades de España, Portugal, Inglaterra, Gales, Estados Unidos, Alemaña, Italia, Polonia ou Rusia.
Así mesmo, o programa deste congreso complétase con tres conferencias no Teatro Principal. A primeira delas, o mércores 3, correrá a cargo do profesor da Boston University e autor de diferentes estudos sobre Shakespeare, William C. Carrol, ex-presidente da Shakespeare Association of América, quen falará do tráfico cultural entre Londres e Padua.
Ao día seguinte, Margarete Rubik, profesora emérita da Universidade de Viena, abordará as ideas de 'casa, cidade e colonia', na obra de Aphra Behn, a primeira escritora profesional da historia de Inglaterra; mentres que o venres 5 Ramona Wray, da Queen´s University de Belfast, afondará na traxectoria da poeta, dramaturga e tradutora Elizabeth Cary.