Estudantes do Conservatorio e a Banda de Música de Pontevedra ofrecen 'Ao son da mocidade'
Por Redacción
'Ao son da mocidade' é o concerto que este xoves 6 de abril a partir das 21.00 horas no Teatro Principal de Pontevedra ofrecerá a Banda de Música de Pontevedra en colaboración con estudantes do Conservatorio de Música Manuel Quiroga da cidade.
Deste xeito, o programa recolle a Downey Overture, unha apertura sinfónica para banda de Óscar Navarro. A continuación chegará a Rhapsody de Stephen Bulla co solista Xavier Amalia á flauta; seguirá a Omaira de Carlos Pellicer co trombón de Óscar Vázquez como solista; o Cajun Folk Song de Frank Thicelli con dúas partes: 'La Belle et le Capiteine' e 'Belle' posteriormente chegará a peza El Cid de Ber Appermont interpretada á trompeta por Iván Abalo Barros; a solista Rebeca Romero tocará ao clarinete o Concertino de Fran Bencriscutto e o concerto rematará coa interpretación de Sang! de Dana Wilson.
O mestre titular será Rafael Agulló Albors.
O venres 7 vai desenvolverse a partir das 18:00 horas outro concerto con protagonismo dos alumnos do Conservatorio de Pontevedra con música do "Barquerito" do compositor pontevedrés Juan Serrano Marqués.
Xa o 27 de abril chegarán os 'Exames finais' ao Teatro Principal, unha nova cita interpretativa cos estudantes do Manuel Quiroga.