Poio prepara actividades en Campelo e Raxó para animar á lectura con motivo do Día do Libro
Por Redacción
Co gallo do Día Internacional do Libro, que se conmemora o 23 de abril, a Concellería de Cultura e Festexos de Poio prepara unha completa programación de actividades a través do programa de Lecer Activo para fomentar a lectura a todas as idades, fundamentalmente, entre os máis novos.
A programación presentada pola concelleira Lidia Salgueiro inclúe actividades na biblioteca municipal, en Campelo, e na biblioteca do centro cultural Xaime Illa de Raxó a partir do venres 21 de abril. Todas son actividades para todos os públicos e de balde e terán o material de refugallo como actor principal.
O venres a partir das 17.30 horas inaugurarase no centro cultural unha exposición sobre o libro de Manuel Ayaso Humorismo gráfico de Castelao. Trátase dunha edición limitada de 333 tomos (con certificación notarial) que recompila, en máis de 500 páxinas, moitos dos debuxos e gravados do autor de Rianxo. Ademais, realizarase unha actividade de animación á lectura en colaboración coa SCD Raxó para nenos a partir de seis anos que propón diversos xogos con palabras e propostas de creación artística tendo como fío condutor a obra de Castelao.
O luns 24 de abril os actos chegarán á biblioteca municipal tamén a partir das 17.30 horas, coa sesión de contacontos 'Contos coma pingas', que celebra a choiva típica de abril cunha chea de contos. A sesión rematará coa confección dun instrumento de pau de auga.
A maiores, a concellería recorda que as sesións do Cóntame un conto e do Poio Escena chegarán ao Pazo Ferreirós e a Samieira a finais de abril.
O Casal de Ferreirós acollerá unha sesión de contacontos a cargo da compañía Voltereta e Volvoreta o domingo 23 de abril a partir das 17.30 horas e a casa do pobo de Samieira acollerá o sábado 29 de abril ás 20.30 horas a obra A Sombra do Circo de Ksiloco Teatro y Mimo, un espectáculo teatral que combina varias técnicas das artes escénicas, como mimo, sombras chinesas, clown, música, maxia, danza... mesturando todo con ritmo e humor.