O cantautor Javier Álvarez chega a Pontevedra cun disco 'sorpresa' creado só para os seus directos
Por Alejandro Espiño
Máis dunha década de carreira avala a Javier Álvarez como un dos cantautores de referencia da música española. E agora, con novo disco debaixo do brazo, chega a Pontevedra. Será nun concerto que se celebrará este martes 19 de marzo, ás 22.00 horas, na Sala Karma. Nel presentarán as cancións que compoñen A, un disco creado nun formato especial, para ser escoitado só en directo.
Esa é a proposta de Javier Álvarez, un novo traballo discográfico que segundo el mesmo recoñece, "non vai saír ao mercado de ningunha dos xeitos". Aínda que iso non signifique que non teñamos pronto material novo deste cantautor madrileño, xa que asegura estar compoñendo as cancións para un novo disco de estudo, que produce el mesmo e que sairá nos próximos meses.
Son novos fitos nunha carreira que comezou cando Javier Álvarez cambiou por unha guitarra os seus primeiros pasos como profesor de Inglés e lanzouse á rúa, que se convertería no seu primeiro escenario. Despois do metro e unha longa tempada no Parque do Retiro e varios cafés madrileños, atopou a súa gran oportunidade cando unha multinacional fixouse nel e editou o seu primeiro disco homónimo.
Era o ano 1995 e tras recibir numerosos premios, entre eles, o Premio Ondas ao Mellor Artista Revelación, comezaba unha longa e prolífica carreira musical. Ademais doutros seis discos de estudo, o último Guerrero Álvarez, editado en 2009, colaborou en multitude de proxectos musicais e participou na composición e interpretación de varias bandas sonoras de películas ou sintonías para programas de televisión.
ÿltimamente, ten unha residencia no Café Teatro Llantiol de Barcelona, onde, todos os venres, xunto a Nieves Arilla presenta o seu último espectáculo Las Maris, unha montaxe a medio camiño entre o teatro e o cabaret.
As entradas para asistir a este concerto pódense adquirir, a un prezo de oito euros, en Rei Zentolo Pontevedra, Pequeño Karma e as billeteiras electrónicas www.ticketea.com e www.entradasgo.com.