Zarzuela, jazz, baile, muiñada, pasodobres e bandas sonoras veranean nas rúas coa BMP
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A Banda de Música de Pontevedra (BMP) comeza este xoves 8 de xuño o ciclo de concertos para este verán 'Sons na rúa' con sete actuacións en espazos da cidade desde xuño ata agosto.
Este luns, a concelleira de Dinamización Cultural, Carme da Silva acompañada pola secretaria da BMP, Ana Franqueira e polo director titular da agrupación, Rafael Agulló presentaban esta programación que se inicia cunha antoloxía da zarzuela o 8 de xuño a partir das 21.00 horas no palco da Alameda. Trátase dun repertorio cunha pequena selección de pezas para un público, sobre todo, de avanzada idade afeccionado a este xénero musical.
O xoves 22 de xuño, a praza do Teucro acollerá o Tributo ao Jazz, un concerto da BMP con temas coñecidos do estilo musical máis significativo do século XX, con temas de Louis Armstrong e Glen Miller, entre outros.
A terceira cita será o xoves 6 de xullo con 'Baila a Banda', na praza do Teucro. Un concerto no que, segundo especificou Rafael Agulló, se vai ofrecer a combinación do baile coa música clásica a través da colaboración do Club de Baile Deportivo 'Baila Mos', con Adrián Esperón e Patricia Martínez.
A música galega tradicional será a protagonista da 'Muiñada na Praza', coa colaboración do grupo Tequexetéldere. Será o xoves 20 de xullo ás 21.00 horas tamén na praza do Teucro.
Un ano máis, a Banda de Música de Pontevedra e a Banda de Salcedo ofrecerán o concerto 'Man a Man' na praza da Ferrería ás 21.00 horas o luns 14 de agosto.
A praza Irmáns Pazó servirá de escenario da 'Xuntanza de pasodobres' o xoves 3 de agosto ás 21.00 horas. Ofreceranse pezas deste xénero tanto de orixe galega como cántabro e andaluz.
Para rematar o ciclo, a praza do Teucro acollerá o concerto de música de películas premiadas cos Óscar's. Será un espectáculo con imaxes dos filmes e a voz de dous actores, aínda por concretar, que introducirán temas de autores como Jerry Goldsmith ou Hans Zimmer. Neste caso comezará ás 22.30 horas.
Todos os concertos serán de balde.