Miguel-Anxo Murado e María Varela, gañadores dos Premios Julio Camba e Fernández del Riego
Por Anxo Lourido
O escritor, xornalista e guionista lucense Miguel-Anxo Murado obtivo o premio Julio Camba deste ano polo seu artigo 'O cedazo dos días', publicado en La Voz de Galicia o 31 de decembro de 2016, o día en que se pechaba o prazo para poder concorrer a estes premios que outorga Afundación.
Pola súa banda, a xornalista do Diario de Pontevedra, María Varela, lograba o premio Fernández del Riego a artigos escritos en lingua galega por 'Cóxegas e tartas', publicado polo xornal no que traballa o 29 de abril do pasado ano.
Este luns, o xurado composto polo escritor Alfredo Conde; Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Carlos Valle, director do Museo de Pontevedra; Ramón Pernas, director cultural de El Corte Inglés e Pedro Otero, xerente de Afundación destacaban o aumento na participación no Julio Camba, con 153 artigos presentados, corenta máis que en 2016. O texto de Murado relaciona un relato do escritor Jorge Luís Borges cos acontecemento do Chapo Guzmán.
Nesta edición recibíronse numerosos textos de países situados na outra parte do Atlántico, sobre todo colombianos e venezolanos, ademais dun cubano, segundo apuntaba o xurado..
Pola súa banda, o presidente do xurado, Alfredo Conde, destacou entre os textos escritos en galego o traballo de María Varela porque se trata dun artigo "que empuxa en lugar de frear á xente", ademais de sinalar que lle lembraba a cando Manuel Jabois recibiu o premio Julio Camba en 2003 indicando que este traballo está cheo de esperanza. A xornalista relata no escrito a súa experiencia cos fillos e como absorben todo o que os rodea.
O xurado destacou que só se presentaron 17 artigos ao Fernández del Riego e dez deles eran obituarios, catro dedicados ao escritor falecido en xullo do pasado ano, Agustín Fernández Paz.
Cada un dos premios está dotado con 6.000 euros. Nomes como Carlos Casares, Fina Casalderrey, Manuel Rivas, Ángeles Caso ou Fernando Savater gañaron estes premios.