O actor pontevedrés Xúlio Abonjo presenta a Gala dos Premios María Casares de Teatro
Por Redacción
Unha gala irónica, "canalla" e que mire directamente ás difíciles circunstancias que vive a profesión teatral. Así será a entrega dos Premios María Casares desta noite do mércores 27, Día do Teatro, que contará con dous superheroes, Ratman e Bobyn interpretados por Marcos Orsi e polo actor pontevedrés Xúlio Abonjo. Estes curiosos protagonistas emerxen das cloacas para "loitar contra unha forte ameaza" e contra un "gran supervilán" dende o Teatro Rosalía de Castro da Coruña.
A compañía BaCaNa, formada por Abonjo e Orsi, será a encargada de conducir unha gala que pretende que sexa "amena, dinámica e divertida". Xúlio Abonjo, destaca que o seu obxectivo é ofrecer unha "gala gamberra", que se celebra en "tempos complicados" nos que "non hai só un supervilán, senón moitos". O actor pontevedrés tamén destacou a "ilusión" de BaCaNa por encargarse da cerimonia dos galardóns do teatro e a intención de presentar un evento "entretido e divertido" no que o guión inclúa referencias á actualidade.
Será un evento sinxelo e co cartón de embalaxe como motivo estético. Xunto ao dúo humorístico participará unha banda de rock que acompañará aos actores nos números musicais.
Os Premios María Casares de Teatro están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia e son, dende o seu nacemento, a gran festa do teatro galego. Nesta edición son 17 espectáculos que contan con candidaturas a estes premios. A gala será emitida en diferido, a partir das 11:40 da noite, pola Televisión de Galicia. E poderá seguirse dende as oito da tarde a través da rede Twitter. O perfil da AAAG en Twitter será @TuitsdaAAAG e, durante a gala, promoverase o hastag #oscasares.