Dous pontevedres de adopción, Maríán Bañobre e Santiago Cortegoso, galardoados cos premios María Casares
Por Redacción
O autor, actor e director moañés Santiago Cortegoso, residente en Pontevedra dende hai máis de dez anos, obtivo o premio da sección Mellor Texto Orixinal por Pequenos Actos Pseudorrevolucionarios na Gala dos Premios María Casares. E a actriz Marián Bañobre que interpreta un dos personaxes desta obra acadou o Premio á mellor Interpretación feminina na edición deste ano. A galardoada é de orixe ferrolán pero leva tamén máis dunha década vivindo na cidade do Lérez.
O texto gañador trata sobre o engano e a manipulación que sofre a sociedade actual. Santiago Cortegoso afirma que os cidadáns só interesan como consumidores ou como votantes pero esta situación pódese cambiar pasando á acción e levando a cabo pequenos actos que, posiblemente non cambien o sistema, pero permiten ás persoas darse algúns caprichos e quedarse máis tranquilos.
Con este texto, Marián Bañobre e Santiago Cortegoso montaron un espectáculo cómico-político-absurdo coa súa compañía Ibuprofeno Teatro, creada en Pontevedra, que se poderá ver no Teatro Principal o próximo sábado 6 Abril ás 9 da noite dentro do programa Noites Abertas.
Vídeo promocional de Pequenos actos pseudorrevolucionarios (Fonte: Youtube)
A gala dos Premios María Casares 2013 celebrouse no Teatro Rosalía da Coruña nun ambiente de tensión polas dificultades que atravesa a profesión teatral ante a redución de axudas da Xunta de Galicia. O evento foi presentado polo actor pontevedrés Xúlio Abonjo e Marcos Orsi de BaCaNa Teatro que representaron os personaxes de Ratman e Bobyn.