O Son de Marín reuniu máis de 5.000 persoas
Por Redacción
O festival Son de Marín demostrou durante as pasadas semanas que está xa consolidado como unha cita ineludible no calendario festivo e cultural da vila. Superáronse as previsións máis optimistas con máis de 5.000 espectadores asistentes a todas as actividades incluidas no programa.
Os organizadores, Dibay Eventos e o Concello de Marín, marcáronse como obxectivo converter ao Son de Marín en moito máis que un festival, e entenden que se conseguiu grazas ao respaldo popular obtido tanto pola exposición fotográfica instalada na Alameda Rosalía de Castro como coas proxeccións do documental John Balan en Seixo e Marín e a primeira edición do 'Marín Canta' cos Saljariteiros.
O evento central logrou encher de música as rúas e prazas de Marín ao longo de todo o día e ata entrada a noite do sábado. A organización destaca que este éxito é posible, fundamentalmente, grazas a todos os músicos e voluntarios que participan e axudan a que o festival sexa unha realidade, aos que agradecen publicamente o traballo e calidade.
O festival mantén a filosofía de homenaxear ao mestre John Balan levando a música a boa parte das prazas da vila e lembrando a súa memoria. Nesta edición contou coas actuacións de Os de Marín, Os Saljariteiros, Charanga Mil9, Tenshi, Banda Infantil da Asociación Cultural Musimarín, As Ferriñas, Trompos ós Pés, Anodhor, As Chaneiras, Perfect Strangers, Dani Barreiro & Friends, Amencer, Ricardo Parada, Os Novos Pulpeiros e 7Setenta.